En 1921, os fascistas pasaron a desenvolver un programa que esixía a república, a separación da igrexa do estado, un exército nacional, un imposto progresivo para herdanzas e o desenvolvemento de cooperativas.
O estado fascista de Mussolini foi establecido aproximadamente unha década antes da chegada de Hitler ao poder. O fascismo italiano foi, en moitos aspectos, unha reacción á falla aparente do laissez-faire e ao medo dos movementos de esquerda, a pesares de que as circunstancias na historia intelectual deben ser consideradas, como o abalo do positivismo e o fatalismo xeneralizado da posguerra na Europa.
O fascismo foi en certa forma o resultado dun sentimento xeral de ansiedade e medo dentro da clase media na Italia da posguerra, resultado da converxencia de presións interrelacionadas de orde económica, política e cultural. En canto ao estandarte desta ideoloxía autoritaria e nacionalista, Mussolini foi capaz de explorar os medos perante o capitalismo nunha era de depresión e posguerra, o ascenso dunha esquerda máis militante, e un sentimento de vergoña nacional e de humillación que resultara da "vitoria mutilada" da Italia nos tratados de paz trala Primeira Guerra Mundial. As aspiracións nacionalistas non realizadas (ou frustradas) manchaban a reputación do liberalismo e do constitucionalismo entre moitos sectores da poboación italiana. Ademais, estas institucións democráticas nunca creceran ata atoparse firmemente enraizadas na nova nación-estado.
A medida que esa mesma depresión da posguerra facía crecer a sedución polo marxismo entre o proletariado urbano, aínda máis desprovisto de dereitos cós seus contrapartes no continente, o receo á forza crecente do sindicalismo, o comunismo e o socialismo proliferaban entre a elite e a clase media. Dagún xeito, Benito Mussolini enchía un baleiro político. O Fascismo xurdiu coma unha "terceira via" — como a última esperanza da Italia para evitar o colapso inminente do "fraco" liberalismo italiano, e a revolución comunista.
Ao mesmo tempo que fallaba en crear un programa coherente, o fascismo evolucionou cara un novo sistema político e económico que combinaba o corporativismo, o totalitarismo, nacionalismo, e anti-comunismo nun estado deseñado para unir a tódalas clases nun sistema capitalista, mais un novo sistema capitalista no que o estado tiña o control da organización das industrias vitais. Baixo a bandeira do nacionalismo e o poder estatal, o Fascismo parecía sintetizar o glorioso pasado romano cunha utopía futurista.
A sedución polo movemento, a promesa dun capitalismo máis ordenado despois dunha era de depresión económica na posguerra, non se limitaba a Italia ou mesmo a Europa. Por exemplo, unha década máis tarde, cando a Gran Depresión orixinou un receso na economía brasileira, unha especie de proto-fascismo ía emerxer coma reacción aos problemas socio-económicos, e a conciencia nacionalista do estatuto periférico da economía do Brasil. O réxime de Getúlio Vargas adoptou unha extensa influencia fascista coa Constitución do Estado-Novo, dirixida por Francisco Campos, eminente xurista afiliado ao Partido Fascista Brasileiro.
Fundado coma unha asociación nacionalista (o Fasci di Combattimento) de veteranos da Primeira Guerra Mundial en Milán o 23 de marzo de 1919, o movemento fascista de Mussolini converteuse nun partido nacional (o Partito Nazionale Fascista) despois de gañar 35 escanos nas eleccións ao parlamento de Maio de 1921. Inicialmente combinando elementos ideolóxicos da esquerda e da dereita, aliñábase coas forzas conservadoras pola súa oposición ás ocupacións a fábricas en Setembro de 1920.
A pesares dos temas da reforma social e económica no manifesto fascista inicial de Xuño de 1919, o movemento foi apoiado por seccións da clase media, receosos do socialismo e do comunismo, namentres que industriais e donos de terra víano coma unha defensa contra a militancia traballista. Baixo a ameaza dunha "Marcha sobre Roma fascista," Mussolini asumiu en Outubro de 1922 o liderado dun goberno de coalición de dereita incluíndo inicialmente membros do partido popular, pro-Igrexa.
A transición cara a unha ditadura asumida foi máis gradual do que na Alemaña unha década máis tarde, apesares de que en Xullo de 1923 unha nova lei electoral dificultaba a constitución dunha maioría parlamentaria fascista, e o asasinato do deputado socialista Giacomo Matteotti once meses máis tarde mostrou os límites da oposición política. En 1926 os movementos de oposición foron declarados ilegais, e en 1928 a elección ao parlamento estaba restrinxida a candidatos aprobados polos fascistas.
O feito político máis duradeiro deste réxime foi talvez o Tratado de Laterano de Febreiro de 1929 entre o estado italiano e a Santa Sé, polo cal ó Papado foille concedida a soberanía sobre a Cidade do Vaticano e recibiu a garantía do libre exercicio do Catolicismo como a única relixión do estado en toda Italia en troques da súa aceptación da soberanía italiana sobre os anteriores dominios do Papa.
Os sindicatos e asociacións de traballadores foron reorganizados en 1934 en 22 corporacións fascistas combinando traballadores e empresarios por sector económico, cuxos representantes en 1938 substituíron ao parlamento como a "Cámara de Corporacións". O poder continuaba investido no Grande Consello Fascista, o corpo gobernativo do movemento.
Nos anos 30 do século XX, a Italia estábase a recuperar da Gran Depresión, e obtiña o crecemento económico en parte pola substitución de importacións pola produción doméstica (Autarquía). A drenaxe dos pantanos de Pontine ao sur de Roma, empestados de malaria, foi un dos orgullos do réxime. Mais o crecemento foi minado polas sancións internacionais impostas a Italia por mor da invasión de Etiopía en Outubro de 1935 (a crise da Abisinia), e polo forte esforzo financeiro que o goberno fixo para apoiar militarmente aos nacionalistas de Franco na Guerra Civil Española.

O illamento internacional e o seu apoio común en España vai facer resaltar unha crecente colaboración diplomática entre a Italia e a Alemaña Nazi. Isto vese tamén nas políticas domésticas do réxime fascista italiano, as primeiras leis anti-semitas dátanse en 1938.
A intervención de Italia (10 de xuño de 1940) na Segunda Guerra Mundial como aliado da Alemaña trouxo o desastre militar e deu coma resultado a perda das colonias no norte e leste africano, tamén a invasión americano-británica da Sicilia en Xullo de 1943 e o sur de Italia en Setembro de 1943.
Mussolini foi destituído como primeiro ministro polo rei Vitor Manuel III de Italia a 25 de xullo de 1943, e a continuación foi preso. En Setembro libérano paracaidistas alemáns é instalado como xefe dunha "República Social Italiana" fantoche en Salo, no norte da Italia, entón ocupado pola Alemaña. A súa asociación co réxime de ocupación alemán restoulle moito do pouco apoio que lle restaba. A súa execución sumaria o 28 de abril de 1945 por guerrilleiros, durante unha fase final da guerra particularmente violenta, foi vista por moitos observadores como o final apropiado para o seu réxime.
Trala guerra, os restos do fascismo italiano reagrupáronse sobre o "Movemento Social Italiano" (MSI) neo-fascista. O MSI formou coalición en 1994 coa antiga "Democracia Cristiá" conservadora para formar a Alleanza Nazionale (AN), que proclama o seu compromiso co constitucionalismo, o goberno parlamentario e pluralismo político.

No hay comentarios:
Publicar un comentario